miércoles, 28 de diciembre de 2011

Entrega de premios

O día 28 de decembro fomos recoller os premios conseguidos no concurso de relatos no Concello de Pereiro de Aguiar.

2º Premio Terras de Aguiar (Clara Inés Glez. 3º EP)

ANTÓN DENUNCIA AOS REIS MAGOS

Nun país moi lonxano (e moi próximo) , un país raro e inxusto, os nenos se querían ter voces bonitas, xoguetes,  xeitos de camiñar graciosos, sorrisos alegres e un nome coma  Xan, María, Sabela, Brais, Miguel, Uxía… tiñan que ir compralos no mercado. Por iso os nenos pobres non tiñan nada disto. Eran moitos,  moitos nenos e, porque non había diñeiro nas súas familias, vivían sen voces bonitas. Ao estar sempre tristes a súa voz tamén era sempre triste; tampouco tiñan xoguetes, nin xeitos de camiñar graciosos nin sorrisos. Por non ter non tiñan nin sequera nome. Cando alguén lles quería chamar, dicíalles:

--“Oe ti” ou “ven aquí neno” ou “ven aquí nena”.

En cambio, os nenos ricos dese país moi lonxano (e moi próximo) tiñan cantidades inmensas de xoguetes, moitas voces bonitas que se cambiaban cada día coma se fosen cromos repetidos, sorrisos grandes e preciosos e un nome que sempre dicían cando alguén lles  preguntaba como se chamaban.

Antón era un deses nenos ricos que tiña moitas cousas: sorrisos grandes, xoguetes de cores, un nome polo que lle chamaba a súa familia e os seus amigos, xeitos de andar graciosos e voces agudas, ou graves, que collía segundo o humor que tivese: se estaba canso falaba coa voz grave e se estaba contento falaba coa voz aguda.

O día anterior á chegada dos Reis Magos, Antón paseaba coa súa nai pola rúa cando viu a unha señora con dous nenos pequenos sentada nunha esquina. Diante deles había un cartel que dicía:

SOMOS MOI POBRES

NECESITAMOS AXUDA

DÉANOS ALGO, POR FAVOR

Antón leu o cartel unha e outra vez, moi intrigado polo que alí vía.

-Mamá, que sorte a deses dous nenos porque como non teñen nada, esta noite os Reis Magos traeranlles moitísimos xoguetes, voces novas, sorrisos…e todo iso.

-Oxalá, fose así Antón. Pero os Reis Magos non traen xoguetes, nin voces, nin sorrisos, nin nada aos nenos pobres, nin aos deste país, nin aos de África nin aos dos sitios nos que hai guerra.

Antón quedou asombrado. Púxose moi, moi triste e moi, moi preocupado. E empezou a pensar.

-Como poderei arranxar isto? Debe ser terrible non ter nada. Eu non sei que sería de min se fose un neno pobre.

Entón ocorréuselle unha idea.

-Mamá, voume ao parque a xogar cos meus amigos -dixo botando a correr.

Os amigos de Antón eran todos nenos ricos coma el, con habitacións cheas de xoguetes, voces e voces para cambiarse cada día, sorrisos alegres... e  esas cousas marabillosas.

Antón chegou ao parque moi sufocado pola carreira e contoulles aos seus amigos o que lle dixera a súa nai.

-Isto non pode ser. Temos que facer algo-dixo.

E todos xuntos puxéronse a buscar unha solución. Logo de moito pensar e pensar ocorréuselle unha idea: escribiríanlle unha carta urxentísima aos Reis Magos, explicándolles o que estaba pasando e pedíndolles que aquela mesma Noite de Reis levasen a todos os nenos pobres do mundo: xoguetes, voces, sorrisos, xeitos de camiñar e, sobre todo, un nome para cada un.

Escribiron aquela carta con moita ilusión, respecto e sen faltas de ortografía, non fose pasar que os Reis se enfadasen con eles. Na carta tamén lles dixeron que, por favor,  lles contestasen enseguida, porque a cousa era moi grave xa que faltaban moi poucas horas para a noite e os nenos pobres poderían quedar outra vez sen nada.

Pero, a pesar de todo aquel coidado e daquela urxencia, os Reis Magos non lles contestaron á súa carta, nin unha cousa nin outra. Non dixeron nin mu. Antón e os seus amigos non recibiron resposta.

Moi cansos de esperar e cada vez máis preocupados, decidiron que arranxarían aquel desastre eles mesmos pola súa conta. Así que se foron ás súas casa e cada un preparou unha gran caixa chea de xoguetes, voces, sorrisos e, sobre todo, nomes, moitos nomes para poder chamar a cada neno polo seu.

Nestas caixas estaba todo o que ata entón lles regalaran a eles os Reis Magos por Nadal. Cando as caixas estiveron ben cheas, Antón e os seus amigos  fóronas repartindo aos nenos pobres, primeiro aos do seu país e despois mandáronas tamén por correo a todos os nenos pobres de África e dos sitios que están en guerra.

Claro que logo disto, tanto Antón como os seus amigos, empezaron a pensar que os Reis Magos eran inxustos e bastante  cómodos. Por iso, e por darlles o silencio por resposta,  decidiron denuncialos ante as autoridades, por se aínda estaban a tempo de facerse bos e solidarios, de repartir xoguetes, sorrisos, voces e nomes entre todos os nenos do mundo por igual.

Mentres a cousa non se arranxa, desde entón, todas as noites de Reis, Antón e os seus amigos reparten xoguetes,  voces, sorrisos e nomes entre todos os nenos e nenas que non tiveron tanta sorte como eles.

1º Premio Terras de Aguiar (Paula Álvarez-5º ep)

O NENO SEN NOME
Fai moitos anos, nun lugar afastado, naceu un rapaz moi pequeniño. Ese lugar estaba rodeado de fame e de guerras polo que os seus pais, preocupados polo que pasaba, esqueceron poñerlle nome. Pasaron os anos e o neno fíxose grande e moi querido por todos os seus veciños. Percorría quilómetros para traer auga a todos e nos momentos de tristeza, co seu sorriso, alegráballes o día. Era bo fillo e, aínda que non ía ao colexio, era tan listo que sabía ler no ceo e nas estrela o tempo que ía facer ou como cazar animais cando faltaban alimentos. Para os nenos do poboado que non tiñan xoguetes ni libros el era o seu mellor amigo porque lles contaba historias fantásticas. Ás veces, con moita ironía, ríase desas guerras que non servían para nada. A el gustáballe compartir e axudar, e non pelexar. Tamén se ría moito cando o chamaban polas súas calidades en vez de polo seu nome porque, aínda que xa medrara, seguía sen ter un. Así que un dia decidiu falar co ancián da aldea e lamentarse da súa situación. O vello cría que un neno tan especial tiña que ter tamén un nome moi especial pero… cal? Pensou durante longos días e escuras noites. Sen lugar a dúbida, era un rapaz sensato, obediente, listo, irónico pero sen maldade, moi dadivoso, gran amigo e moi risoño e espilido así que decidiu que con cada unha das primeiras letras dos seus calidades formaría o nome mais fermoso. Ao xuntalas xurdiu a palabra SOLIDARIEDADE.

Dende ese día o seu nome foi ese e dende entón, en todas as partes do mundo, hai alguén que tamén se chama así.
AUTORA:Paula Alvarez 5º e.p
(1º premio Certame Literario Terras de Aguiar, ano 2011)

jueves, 22 de diciembre de 2011

ESTE NADAL TODOS E TODAS AO TEATRO!

Se vos aburrides, se se vos acabou o libro que estabades lendo...

Se vos apatece compartir emocións con outros rapaces e rapazas...

Se o que máis vos gusta e soñar, viaxar, ser astronauta, zapateiro ou médica....

Chegou a MOTI!!! Do 25 ao 30 de decembro!

Toda a información en: http://motiourense.blogspot.com/

NORABOA A TODOS OS ESCRITORES DO GUILLELME BROWN!

Noraboa e parabéns aos premiados no Certame Terras de Aguiar no apartado de Relato Curto:


RELATO CURTO
         Categoría menos  de 10 anos:

                        1º.- Paula Álvarez Borrajo (5º Primaria)
                        2º.- Clara Inés González Gómez (3º Primaria)
                        3º.- Aldara Plasencia Salgado (5º Primaria)
    Categoría 11 a 15 anos:

                        1º.- Rodrigo E. Masid Dopazo (4º ESO)
                        2º.- Enia Gándara Fernández (2º ESO)

A todos e todas miles de bicos cheos de palabras!

Iremos subindo os seus relatos para que vos poidades deleitar!

Felices vacacións!