Só o tes que desexar moi forte.
Todo comezou cando atopei unha vella carteira nunha rúa
de Santiago. Era unha noite fría de decembro (estabamos nas vacacións de
Nadal), pero como teño dificultades para conciliar o sono, saín a pasear coa
miña cadela. Cando levaba máis de unha hora camiñando atopei unha carteira, que
por culpa da miña vagancia, non tiven a curiosidade de mirar de quen era. O
único que sabía era ca levaría á mañá seguinte á comisaría, xa que non tiña
nada mellor que facer: Odiaba o Nadal! Todo o mundo tiña algo que celebrar
durante estas datas cos amigos, coa familia... pero eu non estaba casado, non
tiña fillos e todos os meus amigos e a miña familia estaban en Barcelona. Eu
chegara a Santiago facía un mes, e como son moi tímido, aínda non tiña amigos.
Cando cheguei á casa, o reloxo marcaba a unha e media da mañá. O primeiro
que fixen foi deixar a carteira na mesa da cociña, para que no almorzo lembrase
que a tiña que levar onde a policía. Despois preparei unha cunca de café,
púxeme o pixama e metinme na cama.
Pasou máis dunha hora e eu seguía
cos ollos abertos, así que decidín non perder máis o tempo e pórme a escribir a
columna da revista na que traballaba. No
fondo non me gustaba nada o meu traballo; o meu soño era traballar no circo facendo
malabares... calquera cousa me valía (ademais de ter unha boa muller), pero
dende pequeno, a miña profesora de lingua dicía que escribía moi ben e que tiña
que aproveitalo. Esta idea metéuselle de tal forma aos meus pais na cabeza, que
me obrigaron a ir por letras.
Esa noite non durmín máis de dúas horas, así que pola mañá prepareime unha
boa cunca de café cunha torrada de manteiga para repor as forzas. Cando vin a carteira dinme de conta de que a
tiña que levar á policía, polo que me vestín e saín da casa.
Fun amodo ata a comisaría. Non tiña présa porque non entraba a traballar
ata o mediodía. Cando cheguei, a policía deume as grazas e marchei.
Cando xa estaba no final da rúa, o policía saíu correndo da comisaría e díxome:
-
Señor, vostede mirou de quen é esta carteira?
-
Non, a verdade é que non son moi curioso. Por que o di?
-
Cando mirei o que había vin que só tiña trinta euros e un
pasaporte que ten o nome de Adolfo Álvarez. Coñéceo?
-
Adolfo Álvarez? O famoso escapista que sae na televisión?
-
O mesmo, a foto o confirma.
-
Son o fan número un dese home, sempre quixen facer o que
el fai e traballar no circo.
-
Este home vive na
rúa paralela a esta, se quere pode levarlle vostede mesmo a carteira e
coñecelo. Eu fíome de vostede, se foi capaz de traer a carteira ata aquí, estou
seguro de que lla entregará ao seu dono.
-
Moita grazas axente.
-
De nada. Oes, vostede non é de aquí verdade?
-
Non, cheguei fai un mes de Barcelona.
-
Supúñao. Pois fala moi ben en galego para non se de aquí
pero ten un estraño acento.
-
Grazas, sempre tiven facilidade para os idiomas.
-
Eu teño que volver á comisaría, ata outro día.
-
Adeus.
Non mo cría. Atopara a carteira de Adolfo Álvarez. Nese momento o único que
pensei foi que este podería ser un sinal, e que non ía desperdiciar esta
oportunidade.
Cando por fin saín de traballar, parecíame que fora a tarde máis longa da
miña vida. Estiven as tres horas na miña oficina pensando o que lle ía a dicir
a Adolfo. Agora atopábame fronte a súa casa petando á porta.
Abriume o mesmísimo Adolfo Álvarez e quedei sen palabras. O home saudoume e
por fin dinme de conta de onde estaba e o que estaba facendo.
-
Boas tardes. Son Fernando e atopei a súa carteira cando
ía paseando pola rúa.
-
De verdade?
-
Si, está aquí.
-
Moitas grazas. Pensara que a perdera para sempre, e é
unha pena porque ten un gran valor para mín. Regalouma o meu avó poucos días
antes de morrer. Díxome que a atopara na guerra. Ademais tiña o meu pasaporte.
-
Pois aquí estou para devolverlla.
-
Antes de iso, como bo anfitrión que son, convídoche a
pasar e a tomar algo. Podemos atuarnos, verdade?
-
Por suposto. Moitas grazas. Es o meu ídolo. Sempre quixen
facer o que ti fas.
-
Ha, ha, ha...
A súa casa non me pareceu moi grande, pero era moi acolledora. Tomamos
unhas cuncas de café diante da cheminea do seu salón. Co frío que collera fora,
a calor da cheminea e do café, sentáronme moi ben.
Deume as grazas moitas veces e pasamos toda a tarde falando. Eu conteille
que dende pequeno escribía moi ben, pero que o meu soño era traballar no circo
coma el. El contoume anécdotas da súa vida no circo. Enseguida pareceume un
home moi sociable e eu xa o consideraba o primeiro amigo que tiña en Galicia.
Cando chegou a hora de cear, marchei, pero el convidoume a volver ao día
seguinte para seguir falando. Dicíame que lle caía moi ben: parecíame incríbel!
Durante máis de unha semana estiven pasando as tardes na súa casa. Ata que
un día, cando xa tiña bastante confianza nel, atrevinme a preguntar:
-
Adolfo, ti ensinaríasme a facer escapismo?
-
Supuña que algún día me farías esa pregunta. Hoxe non
teño ningunha resposta. Deixa que o pense un tempo.
-
Pero seguro que se che esquece. Non mo podes dicir agora?
-
Non, estou seguro que non se me esquecerá. Prométeme que
tarde o que tarde en contestarche non me insistirás máis.
-
Prometido.
Todas as noites, antes de durmir, preguntábame se algún día me contestaría.
Agora era o único desexo que tiña: traballar no circo co meu artista favorito.
Incluso dábame igual se non era traballando de escapista. Valíame tamén facer
de pallaso ou aprender a facer malabares. O único que necesitaba era que alguén
crese en min.
O día de fin de ano, Adolfo convidoume a tomar as uvas na súa casa. Pasara
unha semana dende que lle preguntara se me podía meter no mundo do circo e eu
xa pensara que se lle esquecera. Pero eu seguía co meu desexo.
Cando rematamos de tomar as uvas coa familia de Adolfo foi o día máis feliz
da miña vida:
-
Fernando, falei con varias persoas...
-
Eh?
-
Atopeiche unhas clases para aprender a facer malabares e
falei co director do meu circo e di que se progresas poderás traballar alí.
-
De verdade?
-
Esperaba este momento tan especial de fin de ano. Quero
que comeces este ano da maneira que máis che guste. E que te des conta de que o
Nadal non é unha época tan mala. Todos os desexos se cumpren cando estás entre a
familia e os amigos
-
Moitas grazas, non teño palabras...
-
So tes que saber que comezas mañá.
Ese foi o mellor ano da miña vida. Tiña clases de malabares tres días á
semana, pero eu estaba tan emocionado que practicaba tódolos día e progresaba
moi positivamente. Así, que cando rematou o curso xa estaba facendo xiras por
toda Europa.
Adolfo converteuse no mellor amigo. Del aprendín moitas cousas. Agora o
Nadal para min era unha data marabillosa porque nesta época do ano, todos os
desexos , se se pedían moi forte acabaríanse por cumprir.
O meu maior desexo xa se cumprira: traballar no circo. Agora espero con impaciencia ao Nadal
seguinte para pedir o próximo: ter unha boa compañeira e creo que vai a ser
posible facelo realidade, porque Silvia, a trapecista, fai semanas que me mira
de esguello. A verdade é que é moi, moi guapa...
No hay comentarios:
Publicar un comentario