martes, 10 de enero de 2012

Un Nadal movido, de Marco Schettino

            Ah, a noite do vinte catro de decembro, a noite antes do Nadal, todas a familias celebran este evento estando en familia,  a felicidade apoderase de todos e por unha vez, non temos que pensar no futuro para animarnos… pero … que pasa… con esa xente?, si, esas persoas que, tan pobres son, que non poden celebrar o Nadal… Que fan?
            A  nosa  historia  centrase nun grupo de indixentes, eran tres homes que vivían na miseria, un chamábase Pancho, o segundo era Perico e por último Manolo, os tres con roupa vella, sucia e desfeita de todo. Eran bos amigos e axudábanse pero… non tiñan boa reputación entre a xente da cidade…
            Os pais sempre lle advertían aos nenos que non se acercaran a eles porque eran “xente mala”, todo o mundo falaba mal de eles sen nin sequera saber como eran en realidade, dicían que agochaban droga, que roubaban, que polas noites facían cousas terribles aos nenos que atopaban na rúa… en fin, calquera cousa. O caso era que, cada vez que se deixaban ver pola xente da cidade, eran perseguidos polos policías e outros ata ser expulsados.
         Eles non entendían nada, eran pobres, nada máis, e non lle podían facer nada… Deprimidos de todo, decidiron agocharse cerca dunha fábrica que xa non se usaba para nada, e alí pasaron unhas cantas noites sen ser descubertos, seguro que habería algún becho e ía un frío… pero eles xa estaban ben acostumados, utilizaban os tres a mesma e única manta que tiñan e durmían…
          Pero todo isto cambiou a noite antes do Nadal …
            Os tres amigos atopábanse botando unha ollada ás casas, todos eses adornos colgados, o típico Santa Claus subindo escaleiras que se atopaba colgando dos balcóns, polas ventás víanse árbores decoradas con moitos adornos, en fin, todo era precioso… e os tres miraban coma parvos.
Non tardaron moito en ser vistos por algún indesexable e emprenderon a fuxida por se acaso…
Ben, xa rematado o paseo, Pancho, Perico e Manolo puxéronse a cear, pois si, hoxe tiveran sorte: Unha pizza recen… tirada ao lixo, aínda estaba quente, ( xa o sei,  para nós “BAH”, pero para eles “ÑAM” ) e puxéronse a comer .
Cando remataron (que quere dicir pouco porque tiñan unha fame de xigante…) “intentaron” durmir. Pero pouco despois foron espertados por un golpe tremendo, tampouco era para tanto pero… tivo que doer.

Os tres colegas dirixíronse cara ao lugar de onde proviña o golpe… xa antes de que puideran chegar, viron varios renos correndo sen rumbo. Ao chegar viron outro reno, pero este co nariz vermello, e ao lado, unha zorra chea de bolsas enormes, iso si, a sorpresa foi que estaba dentro.
Pois claro, non ía ser outro que Santa Claus, pero cunha perna rota, escoitábaselle protestar “BRRR!, estes tellados de hoxe non valen nada”. Os tres estaban abraiados.
Despois de axudar a Santa e reunir aos renos, este explicoulles que intentara pousarse cos renos no tellado, pero que estaba tan esvaradizo que “descarrilaran”, e así acabaran abaixo. Despois, os tres empezarían a contar a súa situación… Despois, o barbudo vermello dixo : “Fágovos un trato: eu douvos o que necesitades para ter un traballo e saír da miseria … e vós, a cambio, axudádesme a repartir os regalos para os nenos, que esta perna non quere andar”.
Repartir regalos por todo o mundo era ben  complicado, pero a cambio dun traballo, os tres amigos farían calquera cousa. E así, partiron os catro a repartir polo globo adiante, Santa pasaba os regalos dende a zorra, e os demais facían o resto… a xornada foi longa pero remataron en tempo. Santa acudiu a un medico e a perna curouse como e debido. Santa deixou aos amigos na súa cidade e marchou…
            E que lles pasou? Pois agora traballan facendo xoguetes, non é moito pero xa teñen para vivir… 

Puqui e o Nadal, de Rodrigo Ernesto

Era o primeiro domingo de Novembro. Era un día frío, e nevaba. Un pai e o sei fillo Andrés preguntábanse se era verdade o que estaban vendo: un automóbil detívose,  unha porta traseira abriuse e alguén fixo baixar un can do coche. "¡Báixate, Puqui!", ordenou unha voz dende o interior. O pobre animal quedou desconcertado cando o coche se afastou a toda velocidade. E correu desesperado detrás do vehículo. 
Puqui tería uns sete meses, pequeno, de patas longas e pelo curto de cor marrón e tiña a cola negra. O pai e o Andrés non volverían a velo ata moito despois, pero imaxinaron que aquela noite, esgotado e amedrentado, durmiría no primeiro sitio que atopou. Á mañá seguinte comezou a buscar ós seus donos. Ese día non comeu e apenas bebeu un pouco de auga estancada. O días e as noites facíanselle interminables. Ás dúas semanas estaba fraco e débil, mais distinguíase pola súa cola negra. Como era moi novo, empezaba a esquecer quen o tirou e quen era o seu dono. Recorda vagamente un patio soleado onde xogaba despreocupado.
Aínda que a xente o espantaba por estar sucio, Puqui sentía unha atracción polas persoas. Cando descobre que alguén o mira compasivo, achégaselle timidamente coa cabeza gacha e ollos que piden unha caricia. Pero sempre esa persoa que se detivo misericordiosa volve a mirada e segue o seu camiño. 
Dez días despois de presenciar aquel abandono, Toby, un marabilloso can grande e bonachón, de catro anos de idade, escapa do seu fogar e pérdese. Os seus donos buscárono por toda a cidade, pero non apareceu. 
Resulta que aquel can era da familia do pequeno Andrés, e estaba desconsolado. Achegábase o Nadal e todo parecía que ía ser triste.  
Toby afastárese moito da súa casa. Intentou regresar, pero camiñou en sentido contrario e terminou nun mundo descoñecido para el, o centro da cidade. 
Durante días e noites correu desesperadamente buscando á súa familia, ata que o esgotamento detivo á súa carreira. A súa mirada apagouse e o seu abundante pelo pronto foi unha maraña sucia e enredada. 
Un día que chovía copiosamente, o pobre Toby trotaba pegado á parede buscando algún oco onde descansar cando se topou cun can fraco, asustado e empapado que se detivo e o mirou con curiosidade. Toby e Puqui quedáronse estáticos baixo a choiva observándose con expectación. Puqui, moveu un pouco a cola e Toby achegóuselle. Enseguida se fixeron amigos e vagabundeaban xuntos. O pequeno seguía ó grande a todas partes, buscaban comida xuntos e nas noites frescas pegábanse un co outro. Toby seguía coa súa idea de localizar a súa casa.
Finalmente, chegou o 24 de Decembro. Pasaron exactamente catorce días dende que Toby se perdera, e Andrés estaba cada día máis e máis triste pola desaparición do seu adorado can. Os seus pais, preocupados por tan prolongada apatía, decidiron levalo a divertirse a un parque de atraccións, pero non deu resultado. Andrés seguía triste, e ata que o seu can non aparecese el o seguiría estando.
Ó saír do parque de atraccións, rapidamente chegaron á súa casa, onde os avós de Andrés esperaban para a cena de Noiteboa. Estaban a medio camiño, e de súpeto, Andrés  falou por primeira vez en varios días.
-Mirá, papá, ese can, que fraco está! 
O pai mirou a onde Andrés sinalaba, e viu a Puqui. Recoñeceuno pola súa inconfundible cola negra. 
-Pero se é aquel can que abandonaron hai unas semanas! Ó que tiraron á rúa desde aquel coche! Acórdaste? Foi antes de que se perdera Budy. Que mal está, o pobre can.  
-Mira como nos mira, papá, como se quixera vir con nós... 
-Non, Andrés, non podemos. 
-Quero acariñalo, papá, por favor... Para o coche un momento! 
O pai sabía que se paraba e o acariciaba, terminarían por levalo á súa casa si ou si.  Pero como podía negarlle iso despois do triste que estaba o seu fillo? Os pais de Andrés falaron un momento en voz baixa. Finalmente, decidiron que podería baixar. 
Andrés baixou do coche e acariciou moito ó can. Puqui, por primeira en moito tempo, estaba tolo de alegría, movía o rabo, saltaba feliz… 
-Papá, está moi fraco, hai que darlle de comer. 
-Está ben, súbeo ó coche que o levamos a casa.  
Andrés, moi contento e feliz, como non estaba en semanas, tratou de convencer ó can para que subira. Pero Puqui non avanzou.  Quedou parado. Andrés insistiu en chamalo pero o can, lonxe de subir ó coche, foise cada vez máis. Ladrou como se quixera dicirlles algo. Íase deles, detíñase e ladraba. O seu comportamento era moi raro. Andrés probou a collelo pero nada. Andrés quería ir tras el, pero os seus país non podían perder máis tempo.
-Déixao, Andrés. Xa é tarde, e ademais lembra que os teus avós están esperando na casa para cear, e se tardamos moito, vanse preocupar.
-Pero, mamá, por favor! 
-Fai caso á túa nai, Andrés, está claro que ese can non quere vir con nós . Tes que deixalo.
O pai puxo entrou no coche e púxoo en marcha. Puqui correu e xa dobrara a esquina.  Andrés comezou a chorar e chorar, berraba. Ó velo así, seus pais non podían negarlle iso naquel momento. O pai apagou o coche, e Andrés parou de chorar de repente.
Oíronse ladridos na volta da esquina, e Andrés foi a ver qué pasaba.
-Papá, mamá! Mirade! É Toby!
Da esquina saíron Andrés, Puqui e Toby correndo cara o coche.
-É Toby! 
Recoñecera o coche e viña correndo a toda velocidade. E detrás del, ladrando, viña Puqui! Non quería abandonar ó seu compañeiro e por iso tratou de que Andrés o seguira.
Andrés meteu os dous cans no coche, e fóronse cara á súa casa. Cando chegaron, os avós estaban sorprendidos de velos chegar con Toby e outro can descoñecido. Andrés volveu estar feliz desde entón. Toby volvía ó seu fogar e Puqui atopou un novo no que estaba seguro de que viviría ben xunto co seu compañeiro.
Agora si que estaban preparados para celebrar a cea de Noiteboa.

            

miércoles, 28 de diciembre de 2011

Entrega de premios

O día 28 de decembro fomos recoller os premios conseguidos no concurso de relatos no Concello de Pereiro de Aguiar.

2º Premio Terras de Aguiar (Clara Inés Glez. 3º EP)

ANTÓN DENUNCIA AOS REIS MAGOS

Nun país moi lonxano (e moi próximo) , un país raro e inxusto, os nenos se querían ter voces bonitas, xoguetes,  xeitos de camiñar graciosos, sorrisos alegres e un nome coma  Xan, María, Sabela, Brais, Miguel, Uxía… tiñan que ir compralos no mercado. Por iso os nenos pobres non tiñan nada disto. Eran moitos,  moitos nenos e, porque non había diñeiro nas súas familias, vivían sen voces bonitas. Ao estar sempre tristes a súa voz tamén era sempre triste; tampouco tiñan xoguetes, nin xeitos de camiñar graciosos nin sorrisos. Por non ter non tiñan nin sequera nome. Cando alguén lles quería chamar, dicíalles:

--“Oe ti” ou “ven aquí neno” ou “ven aquí nena”.

En cambio, os nenos ricos dese país moi lonxano (e moi próximo) tiñan cantidades inmensas de xoguetes, moitas voces bonitas que se cambiaban cada día coma se fosen cromos repetidos, sorrisos grandes e preciosos e un nome que sempre dicían cando alguén lles  preguntaba como se chamaban.

Antón era un deses nenos ricos que tiña moitas cousas: sorrisos grandes, xoguetes de cores, un nome polo que lle chamaba a súa familia e os seus amigos, xeitos de andar graciosos e voces agudas, ou graves, que collía segundo o humor que tivese: se estaba canso falaba coa voz grave e se estaba contento falaba coa voz aguda.

O día anterior á chegada dos Reis Magos, Antón paseaba coa súa nai pola rúa cando viu a unha señora con dous nenos pequenos sentada nunha esquina. Diante deles había un cartel que dicía:

SOMOS MOI POBRES

NECESITAMOS AXUDA

DÉANOS ALGO, POR FAVOR

Antón leu o cartel unha e outra vez, moi intrigado polo que alí vía.

-Mamá, que sorte a deses dous nenos porque como non teñen nada, esta noite os Reis Magos traeranlles moitísimos xoguetes, voces novas, sorrisos…e todo iso.

-Oxalá, fose así Antón. Pero os Reis Magos non traen xoguetes, nin voces, nin sorrisos, nin nada aos nenos pobres, nin aos deste país, nin aos de África nin aos dos sitios nos que hai guerra.

Antón quedou asombrado. Púxose moi, moi triste e moi, moi preocupado. E empezou a pensar.

-Como poderei arranxar isto? Debe ser terrible non ter nada. Eu non sei que sería de min se fose un neno pobre.

Entón ocorréuselle unha idea.

-Mamá, voume ao parque a xogar cos meus amigos -dixo botando a correr.

Os amigos de Antón eran todos nenos ricos coma el, con habitacións cheas de xoguetes, voces e voces para cambiarse cada día, sorrisos alegres... e  esas cousas marabillosas.

Antón chegou ao parque moi sufocado pola carreira e contoulles aos seus amigos o que lle dixera a súa nai.

-Isto non pode ser. Temos que facer algo-dixo.

E todos xuntos puxéronse a buscar unha solución. Logo de moito pensar e pensar ocorréuselle unha idea: escribiríanlle unha carta urxentísima aos Reis Magos, explicándolles o que estaba pasando e pedíndolles que aquela mesma Noite de Reis levasen a todos os nenos pobres do mundo: xoguetes, voces, sorrisos, xeitos de camiñar e, sobre todo, un nome para cada un.

Escribiron aquela carta con moita ilusión, respecto e sen faltas de ortografía, non fose pasar que os Reis se enfadasen con eles. Na carta tamén lles dixeron que, por favor,  lles contestasen enseguida, porque a cousa era moi grave xa que faltaban moi poucas horas para a noite e os nenos pobres poderían quedar outra vez sen nada.

Pero, a pesar de todo aquel coidado e daquela urxencia, os Reis Magos non lles contestaron á súa carta, nin unha cousa nin outra. Non dixeron nin mu. Antón e os seus amigos non recibiron resposta.

Moi cansos de esperar e cada vez máis preocupados, decidiron que arranxarían aquel desastre eles mesmos pola súa conta. Así que se foron ás súas casa e cada un preparou unha gran caixa chea de xoguetes, voces, sorrisos e, sobre todo, nomes, moitos nomes para poder chamar a cada neno polo seu.

Nestas caixas estaba todo o que ata entón lles regalaran a eles os Reis Magos por Nadal. Cando as caixas estiveron ben cheas, Antón e os seus amigos  fóronas repartindo aos nenos pobres, primeiro aos do seu país e despois mandáronas tamén por correo a todos os nenos pobres de África e dos sitios que están en guerra.

Claro que logo disto, tanto Antón como os seus amigos, empezaron a pensar que os Reis Magos eran inxustos e bastante  cómodos. Por iso, e por darlles o silencio por resposta,  decidiron denuncialos ante as autoridades, por se aínda estaban a tempo de facerse bos e solidarios, de repartir xoguetes, sorrisos, voces e nomes entre todos os nenos do mundo por igual.

Mentres a cousa non se arranxa, desde entón, todas as noites de Reis, Antón e os seus amigos reparten xoguetes,  voces, sorrisos e nomes entre todos os nenos e nenas que non tiveron tanta sorte como eles.

1º Premio Terras de Aguiar (Paula Álvarez-5º ep)

O NENO SEN NOME
Fai moitos anos, nun lugar afastado, naceu un rapaz moi pequeniño. Ese lugar estaba rodeado de fame e de guerras polo que os seus pais, preocupados polo que pasaba, esqueceron poñerlle nome. Pasaron os anos e o neno fíxose grande e moi querido por todos os seus veciños. Percorría quilómetros para traer auga a todos e nos momentos de tristeza, co seu sorriso, alegráballes o día. Era bo fillo e, aínda que non ía ao colexio, era tan listo que sabía ler no ceo e nas estrela o tempo que ía facer ou como cazar animais cando faltaban alimentos. Para os nenos do poboado que non tiñan xoguetes ni libros el era o seu mellor amigo porque lles contaba historias fantásticas. Ás veces, con moita ironía, ríase desas guerras que non servían para nada. A el gustáballe compartir e axudar, e non pelexar. Tamén se ría moito cando o chamaban polas súas calidades en vez de polo seu nome porque, aínda que xa medrara, seguía sen ter un. Así que un dia decidiu falar co ancián da aldea e lamentarse da súa situación. O vello cría que un neno tan especial tiña que ter tamén un nome moi especial pero… cal? Pensou durante longos días e escuras noites. Sen lugar a dúbida, era un rapaz sensato, obediente, listo, irónico pero sen maldade, moi dadivoso, gran amigo e moi risoño e espilido así que decidiu que con cada unha das primeiras letras dos seus calidades formaría o nome mais fermoso. Ao xuntalas xurdiu a palabra SOLIDARIEDADE.

Dende ese día o seu nome foi ese e dende entón, en todas as partes do mundo, hai alguén que tamén se chama así.
AUTORA:Paula Alvarez 5º e.p
(1º premio Certame Literario Terras de Aguiar, ano 2011)

jueves, 22 de diciembre de 2011

ESTE NADAL TODOS E TODAS AO TEATRO!

Se vos aburrides, se se vos acabou o libro que estabades lendo...

Se vos apatece compartir emocións con outros rapaces e rapazas...

Se o que máis vos gusta e soñar, viaxar, ser astronauta, zapateiro ou médica....

Chegou a MOTI!!! Do 25 ao 30 de decembro!

Toda a información en: http://motiourense.blogspot.com/

NORABOA A TODOS OS ESCRITORES DO GUILLELME BROWN!

Noraboa e parabéns aos premiados no Certame Terras de Aguiar no apartado de Relato Curto:


RELATO CURTO
         Categoría menos  de 10 anos:

                        1º.- Paula Álvarez Borrajo (5º Primaria)
                        2º.- Clara Inés González Gómez (3º Primaria)
                        3º.- Aldara Plasencia Salgado (5º Primaria)
    Categoría 11 a 15 anos:

                        1º.- Rodrigo E. Masid Dopazo (4º ESO)
                        2º.- Enia Gándara Fernández (2º ESO)

A todos e todas miles de bicos cheos de palabras!

Iremos subindo os seus relatos para que vos poidades deleitar!

Felices vacacións!