lunes, 21 de marzo de 2011

A PRINCESA E A RA, por Rodrigo Ernesto Masid

  Hai moito tempo, había unha princesiña que vivía nun gran castelo, pero a ela non lle gustaba a vida de princesa. Discutiu cos seus pais unha e outra vez, pero nada. Eles querían que fose raíña. Os seus pais sempre daban unha grande festa por Nadal, momento en que a princesiña intentaba escapar, e finalmente o conseguiu. Cando saíu do castelo foi a un pobo próximo. Atravesouno de noite para que ninguén a vise, pero aínda así a viu un vello do pobo. Ela tiña como obxectivo ir ao bosque. O vello advertiulle: “Princesiña, se tes pensado ir ao bosque, non vaias. Dise que hai un oso tan grande e feroz que non parece deste mundo nunha cova no interior do bosque”. Porén, a ela non lle importou o máis mínimo e foise a vivir a carón da cova. Como era Nadal, aproveitou unha gran árbore que tiña a carón para refuxiarse e decorala.
Pasaban os días, e a princesiña estaba cada vez máis feliz de vivir alí. Tal como ela sospeitaba, non viu ningún oso na cova. Ou ó menos era o que cría, xa que non se daba visto a cova enteira. Un día, cando estaba collendo uns cogomelos para comer, topouse cunha anciá que tamén ía collendo cogomelos. As dúas se cruzaron, en colleron cogomelos xuntas un bo anaco. Antes de irse, a anciá contoulle á princesiña que había unha gran ra con cinco ollos, noxenta e pegañenta espreitando por alí.
A princesiña volveu ao seu refuxio, e viu todos os adornos que lle puxera á árbore rotos no chan, coma se pasara un furacán. Ela pensou que podería ser por mor dunha forte racha de vento, así que non lle deu a menor importancia. Fixo un lume cuns paus e asou os cogomelos. Despois, foi durmir. Á mañá seguinte, decidiu volver ao pobo para ver se a estaban buscando. E efectivamente. Había uns soldados buscándoa. Cando preguntaron ao vello que aconsellou á princesiña que se sabía onde está, el respondeu: “Vina, si, vina marchar cara ao bosque. Eu xa lle dixen que había un oso descomunal nunha cova, pero ela non me fixo caso. De todos modos, creo que a coitadiña xa non vive. A vida nese bosque é moi dura, e se non sabes coidarte, alá vas. Lembro de cando fun alistado no exército e había un soldado que… bosque… perdeu… atoparon…Zzzz…Zzzz”.
Para entón, o vello quedou durmido, no medio dese relato que non tiña nada que ver coa historia, de pé, apoiado nun bastón vello de madeira xa medio roto.
Os soldados pensaron que o pobre estaba delirando, e non lle fixeron caso. Volveron ao Castelo e seguiron buscando por outros lugares.
Unha tarde, a princesiña, que ía no seu habitual traxecto a coller cogomelos, alimento do que se tiña alimentando semanas atrás, atopou unha charca que nunca vira.
No medio estaba esa ra de cinco ollos, noxenta, observándoa. Sen pensalo dúas veces, a princesiña botouse á ra, apresándoa entre os seus brazos e meténdoa na cesta dun modo que non puidese saír. Volveu correndo, fixo unha lumieira, fritiu á ra e papouna rapidamente. As ras do bosque aprenderon unha valiosa lección: Se ves a unha princesiña, e es unha ra de cinco ollos, corre… Que te come…
A princesiña durmiu ao carón do lume.
Á mañá seguinte, volveu o pobo para ver se a seguían buscando. Non había ningún soldado, o que significaba que deixaran de buscala por alí.
A princesiña estaba contenta. Xa non tiña que preocuparse pola vida complicada de princesa, e moito menos de raíña.
Pasaron os días, as semanas, e a princesiña ía vivindo alí, aguantando o frío como ben podía.
Ata que un día, da cova saíu un oso enorme e de pelaxe negro, e papou á princesiña enteiriña.
Se es unha princesiña, non vaias  vivir a carón dunha cova, e menos se sabes que hai un oso dentro…

No hay comentarios:

Publicar un comentario