Eran principios de Decembro cando decidira irse ao Congo cuns amigos dunha ONG para levar a cabo o proxecto de construír un pozo de auga nunha aldea. Os seus pais intentaron disuadilo porque suporía que non pasaría o Nadal con eles e co resto da familia pero, ao final, admitírono.
Cando chegaron á aldea puideron ver as condicións nas que aquela xente vivía. As mulleres e os nenos tiñan que ir todos os días andando tres quilómetros de ida e tres de volta para acadar auga para as casas. Era por iso, e por o resto das tarefas domésticas que tiñan que facer, polo que case ningún neno asistía á escola.
A construción do pozo levaría, máis ou menos, un mes de traballo así que, ao día seguinte de chegar, puxémonos mans á obra.
A expectación na aldea polo noso traballo era tremenda; os homes, cando pasaban co gando preto de nós, facían unha parada para ver como ían as obras e, cando rematábamos a xornada, íamos rodeados por máis de unha ducia de nenos e nenas saltando e cantando o redor de nós, ata que chegábamos á misión, que era onde nos aloxábamos.
Mentres tanto, na misión e nas casas da aldea comezáronse a ver as primeiras sinais de que o Nadal se achegaba: Beléns nas portas das casas, polas de palmeira decoradas con pequenas campás de papel...
O día de Nadal, que non traballamos, espertáronnos os cánticos de un grupo de xente que ía percorrendo os camiños da aldea anunciando o día de festa.
Polo serán, xa todos engalanados, os que podían con traxes novos, acudiron á pequena igrexa da misión a escoitar misa e a ofrecerlle ao “Neno” presentes no altar maior.
Xa de noite, celebrouse unha cea ao aire libre, á que fomos todos convidados, e na que non faltaron, guisos de carne de polo e cabra, mandioca, arroz e unhas cunquiñas de viño de palma. Despois da cea comezaron a cantar e a bailar, e todos vímonos arrastrados na súa ledicia.
Aínda que os seus recursos eran moi poucos, tamén intentaban sorprender aos seus con regalos: xabóns e panos de algodón para elas, lapis e caramelos para os nenos, algún libro, algún xoguete….A cada un de nós, o xefe da aldea entregáranos as figuras dun Belén feitas en madeira por os nenos e vestidas con traxes de cores por as mulleres.
Cando esa noite me deitei, lembrárame moito da miña familia, dos meus pais, dos avós, dos meus irmáns, dos meus sobriños. Eles, supuxen, tamén se acordarían moito de min pero nunca poderían imaxinar o que eu houbera dado por telos a todos ao meu carón, gozando da fermosa festa á que eu tivera a ocasión de asistir.
Os días seguintes foron de moito traballo pero o pozo case estaba rematado. Era venres e, soamente faltaba fixarlle unhas pezas á bomba manual para a extracción de auga.
Cada vez había máis xente arredor de nos. Cando dimos por acabado o noso traballo dirixímonos o xefe do poboado para que fora el a primeira persoa que obtivese a prezada auga. O xefe colleu a manivela de arriba abaixo, de abaixo arriba mentres as caras da xente, e especialmente os grandes ollos dos nenos non perdían detalle ata que a auga comezou a brotar. Foi unha ledicia indescritible. Todos comezaron a saltar, cantar, rir …
Non nos decataramos! de que era venres, día seis de xaneiro, día dos Reis Magos. Nunca tiveramos un regalo tan marabilloso, o agradecemento e a delicia daquela xente, por algo tan básico no noso mundo como a auga.
Os días seguintes puidemos comprobar como, pouco a pouco , a vida, especialmente das mulleres e dos nenos era mais doada , cada vez máis nenos podían asistir a escola e as mulleres tiñan máis tempo para dedicarlle a súa horta e a traballos artesáns que logo podían vender no mercado.
Cara a finais de xaneiro volvimos a casa traendo connosco para sempre a imaxe daquelas persoas sorrintes e agradecidas.
O son da porta da casa ao pecharse levouno de volta ó seu salón. Era a súa nai, e dirixíndose a ela díxolle: “ si, decididamente, pola tarde irei en busca dalgunha póla de palmeira, para completar de adornar o Belén”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario